“Ensanche en Conserva” 1º Iniciación_Cap.2

Ensanche en Conserva

1º_Iniciación

Capitulo 2º: o encontro de duas sociedades nunha lata de sardiñas

 

Na denominada “Ensanche en Conserva” contamos a historia da cidade de Vigo, a transformación dunha vila na meirande cidade de Galicia. Estamos a falar do espectacular cambio que veu da  sociedade conserveira.

“Ensanche en Conserva” dividímola en temáticas para organizar toda a información. Hoxe continuamos coa primeira, denominada “Ensanche en Conserva 1_Iniciación”

A intención é meternos en situación, unha viaxe temporal a aquela época no final do século XIX, para coñecer a situación social e económica así como as súas xentes, as condicións de vida, traballo, ocio, etc…

Continuamos entón co segundo capítulo recoñecendo os primeiro movementos que os protagonistas desta historia, os burgueses, comezaron a facer.

 

O motor de cambio: unha lata de sardiña

O inicio desta historia comeza na praia do Areal, cun pequeno cambio no traballo cotidiano da vila: a pesca. Os burgueses van capturar peixe fresco, como os seus veciños da praia do Berbés, pero non o van comercializar directamente como produto fresco. Unha nova técnica que estaba a triunfar polo resto de Europa, a conserva, vai ser empregada polos nosos protagonistas. Con ela conseguirán transformar un produto perecedoiro, a sardiña, noutro non perecedoiro, a lata de sardiñas e polo tanto aumentar as ventas e mellorar exponencialmente os seus ingresos.

Este cambio dun proceso artesanal, a venta de peixe fresco na praza, noutro industrial, a venta de conserva de sardiña no mercado internacional, vai ser o responsable de toda a historia que estaba a piques de acontecer. A partires deste momento clave, a implantación da conserva,  todo se acelera.

 

O traballo sae da cidade

Os empresarios conserveiros comezan a buscar na vila un lugar onde poder levar a cabo a súa actividade. Pero os baixos do Casco Vello son demasiado pequenos como para poder satisfacer as súas necesidades. Ante esta imposibilidade buscan terreos baratos, afastados do centro, onde poder construír edificios exclusivos para centralizar todo o seu traballo.

A organización destes grandes centros de emprego non van ser deixado o azar. Os burgueses, aplicados empresarios,  van estudar pormenorizadamente as partes constituíntes deste traballo complexo. Entrada do produto fresco, limpeza, cociñado, enlatado e almacenaxe, a fabrica vaise organizar convenientemente para que cada función ocupe a súa posición mais adecuada e desta forma funcionen xuntas coma un engranaxe ben engrasado. Estaban dándose os primeiros pasos do sector industrial en Galicia, coa mecanización da conserva, que culminaría a súa evolución, décadas mais tarde, coa liña de montaxe.

 

Unha sociedade refinada

Ademais dos cambios derivados do eido do traballo; levantamento de fábricas no extraradio, creación dun porto con calado suficiente, asteleiros navais para a construción de novas tipoloxías de barcos, xurden outros cambios derivados do nivel de refinamento desta nova sociedade.  O excedente económico xerado pola industria fai aparecer o tempo libre e polo tanto a necesidade de ocupalo e desfrutalo. Como parte da oferta que a cidade ofrece aparecen unha serie de actividades de tipo contemplativo: ópera, teatro, cine, xornais de diferente orientación política e asociacións organizadas entorno a intereses, artísticos, culturais ou deportivos.

A vila convertese da noite a maña nunha cidade atractiva, activa e cunha  ampla oferta cultural e de ocio.

 

Un novo escenario para unha nova vida

Baleirada a cidade da función de traballo, que consideraban nociva e impropia, crean un novo escenario apropiado o seu nivel de refinamento. Amplos bulevares rectilíneos con anchas beirarrúas onde poder pasear e encontrar os seus veciños. Impoñentes edificios de cantería de granito, construídos por afamados arquitectos, que reclamaran ante os seus conxéneres  a importancia do seu promotor.  Como glosaba o noso querido Jaime Garrido “…solemne y mejestuosa harmonía petrea…” conformando o meirande ensanche decimonónico de Galicia.

 

Ensanche decimonónico: patrimonio identificativo.

O paso destes grandes emprendedores pola cidade deixou tras de si a peza urbana de mais calidade. Así o demostran as súas características urbanas, arquitectónicas e construtivas. Este senlleiro legado é o recordo destes antepasados tan importantes para a historia de Vigo. Foron eles os artífices da cidade de hoxe en día, na que todos nos recoñecemos.

Temos que engadir que, ademais de ser patrimonialmente a parte mais sobranceira da cidade, tamén resulta a parte identificativa, converténdoa en singular e diferenciándoa das demais. Se Santiago identificase co camiño, co casco vello e coa súa catedral, a Vigo pásalle exactamente o mesmo coa conserva, co ensanche e con esa “…solemne y majestuosa armonía pétrea…”

Sirvan estas publicacións como reclamo da necesaria protección que, debido as agresións pasadas e presentes,  todo este patrimonio precisa.

 

Deixámosvos os capítulos anteriores para que poidades ler a historia completa:

Prologo da Historia da cidade de Vigo: Ensanche en conserva.

Ensanche en Conserva_1ºIniciación_Capitulo 1: os precedentes

Ensanche en Conserva_1ºIniciación_Capitulo 2: o encontro de dúas sociedades nunha lata de sardiñas

Ensanche en Conserva_1ºIniciación_Capitulo 3: ¿Por qué a industria conserveira de Vigo reuniu todo o sector europeo na cidade?

As rutas turísticas “Ensanche en Conserva”

Ensanche en Conserva

Este relato forma parte dunhas rutas turísticas denominadas “Ensanche en Conserva”, que organiza Estudio04, e que periodicamente sae a rúa para explicalo da mellor forma que se pode facer, pateando a cidade.

Xa contamos con 3 rutas diferenciadas e que pretenden explicar e ordenar toda a información:

1º “El Ensanche de Vigo en Conserva: iniciación”

2º “El Ensanche de Vigo en Conserva: infraestruturas”

3º “El Ensanche de Vigo en Conserva: estilos arquitectónicos”

E dúas mais en proceso:

4º “El Ensanche de Vigo en Conserva: a industria”

5º “El Ensanche de Vigo en Conserva: natureza”

Se queredes organizar unha ruta con nos solo tedes que poñervos en contacto, deixámosvos a ligazón de seguido:

Contacto Estudio04

E permanecede atentos a próximas actualizacións porque seguiremos a contar esta apaixoante historia…

 

Share your thoughts

Comments

  • Vaiuca
    27th abril 2020

    Felicitacións pola delicada análise do Ensanche que nos fai impacientes por vivilo nas rutas.

Post a Reply to Vaiuca Cancel Reply

*

})(jQuery)