¿Por qué a industria conserveira de Vigo reuniu todo o sector europeo na cidade?
Capítulo 3º de “Ensanche en Conserva: 1º_Iniciación”
Como xa sabedes a industria conserveira de Vigo aglutinou, a partires de mediados do século XIX, a totalidade da actividade sectorial, non solo de España se non practicamente de toda Europa.
Neste novo capítulo de “Ensanche en Conserva” descubrirás as casualidades polas que os nosos queridos protagonistas, os burgueses, elixiron como centro de operacións do seu imperio esta pequena vila sen importancia do sur das rías baixas.
Industria conserveira de Vigo
1ª Casualidade: Desaparición da sardiña dos caladoiros do norte de Europa.
Arredor do ano 1850 os bancos de sardiña comezan a escasear na zona de Bretaña, no norte de Europa.
A principios do século XIX a actividade conserveira comeza a desenrolarse na zona francesa de Bretaña. O seu produto principal é un peixe inconfundible de corpo esvelto e alargado, duns 25 cm, e un peso aproximado de 180 gramos, trátase da Sardina Pilchardus Pilchardus. Despois dunhas décadas de intensas capturas o seu número comeza a descender preocupantemente nunha aparente migración destes peixes gregarios na procura de augas mais temperadas. O caprichoso destino deste prezado peixe azul foi a parte sur da costa atlántica galega, as rías baixas. Pero na súa viaxe a sardiña non viu sola. Os protagonistas da nosa historia, os burgueses, emprenden camiño detrás da súa fonte principal de ingresos . Franceses da Bretaña, cataláns, portugueses e españois doutras provincias comezan a asentarse en Vigo para continuar co produtivo traballo que tanto éxito lles estaba a dar na súa lugar de orixe. Estaban a dar o primeiro paso da industria conserveira de Vigo.
Industria conserveira de Vigo
2ª Casualidade: o calado necesario no porto
O porto de Vigo tiña o calado preciso para acubillar as novas artes de pesca empregadas para a captura da sardiña.
No sur das rías baixas dúas vilas loitaban por gañar o predominio na contorna: Baiona e Cangas. A primeira, denominada a Real, era o porto principal deste litoral, responsable de comunicacións de ordes reais e cabeza de partido. A segunda era unha poboación cunha importante actividade económica baseada na salazón, e a pesca, incluída a de baleas. Sen embargo, e sorprendentemente, ningunha destas dúas vai ser a elixida pola industria. Vigo, unha pequena vila de artesáns e pescadores, vai ser a elixida polos burgueses para concentrar toda a actividade conserveira. Na pescuda polo sitio mais adecuado para asentarse nas rías baixas, estes grandes empresarios, vanse decatar da forma na que o perfil do monte do Castro cae de forma abrupta sobre o mar. Esta característica vailles permitir, cunha baixa inversión económica, facer un novo peirao co calado suficiente para recibir as novas artes de pesca. Vai ser polo tanto a condición tantas veces denostada da nosa cidade, a súa terrible topografía, a responsable da chegada da actividade conserveira.
O calado necesario para posibilitar unha nova arte de pesca: do xeito ao cerco
A tradición pesqueira dos mariñeiros do Berbés, o xeito, vai ser sustituida por unha nova arte de pesca, o cerco, que vai conseguir aumentar o volume de capturas.
Nun inicio os burgueses e os mariñeiros da vila establecen unha relación laboral repartíndose as partes do traballo conserveiro. Os industriais adícanse a confeccionar o produto enlatado nas fábricas e van ser os mariñeiros do Berbés os encargados da pesca do produto fresco. Coa proliferación do empresariado, atraídos pola sona do éxito conserveiro, aumenta a presión polas escasas capturas levadas a cabo de forma tradicional co conseguinte inzamento do seu prezo. Esta situación, que vai comprometer a viabilidade do negocio, obriga aos intrépidos industriais a buscar unha saída que vai vir da innovación tecnolóxica. Unha nova unidade pesqueira vai ser importada dende o norte de España: a traiña. Composta por unha nova arte, o cerco de jareta, e unha nova embarcación, a trainera, vai facer aumentar o volume das capturas e polo tanto baixar o seu prezo.
Un aparello similar, ao empregado polos mariñeiros do Berbés, pero con dimensións mais reducidas e cunha jareta inferior para poder pechar a rede. Un barco, a trainera, largo e estreito, con pouco calado e sen quilla para poder pasar por riba da rede. E unha tripulación formada polo patrón, o timonel e unha docena de remeiros que lle daban a velocidade imprescindible para poder pechar o cerco nese movemento característico e circular desta nova arte de pesca.
Industria conserveira de Vigo
3ª Casualidade: unha man de obra moi ben cualificada
As dúas casualidades, anteriormente comentadas, forxaron un marco físico ideal para a chegada da industria conserveira a Vigo. Pero o éxito fulgurante da empresa foi posible grazas a reunión dun equipo humano axeitado. Os nosos intrépidos protagonistas se souberon rodear dunha clase traballadora experta nas facetas que tiñan que desenvolver.
Non lle debeu resultar moi difícil porque a vila contaba cunha arraigada tradición mariñeira e conserveira. O porto pesqueiro de Vigo atesouraba, no barrio do Berbés, mariñeiros expertos e coñecedores da ría e dos seus secretos. Polo que respecta os coñecementos conserveiros xa dende tempos inmemoriais existía na ría de Vigo unha arraigada tradición. En liñas anteriores xa comentamos a importante actividade de salgadura da vila de Cangas do Morrazo pero o comezo deste saber facer remóntase a moito antes. O imperio romano contaba cunha instalación salineira na praia do Areal, descuberta na escavación do centro de saúde da rúa Rosalía de Castro. Polo tanto podemos afirmar que a tradición conserveira, coa salga de peixe, remóntase a 2000 anos.
Os restos romanos musealizáronse, permitíndonos coñecer a única salina mariña de evaporación solar conservada de todo o Imperio Romano. Deixámosvos a páxina web do museo e un interesante artigo para saber o que podedes atopar na visita.
No século XIX a industria conserveira de Vigo aglutinou toda a actividade europea por unha gran casualidade
A historia das cidades, moitas das veces, comeza por unha decisión política. O gobernante do momento decide centralizar a xestión dun estado nun lugar determinado. Pola contra, outras cidades, xorden do azar, dun accidente ou incluso poderiamos dicir do destino.
A nosa querida cidade podemos considerala parte deste último tipo. Unha gran coincidencia, debida á conxunción das 3 causalidades precisas, dada no momento exacto e no lugar adecuado.
Deixámosvos os capítulos anteriores para que poidades ler a historia completa:
Prologo da Historia da cidade de Vigo: Ensanche en conserva.
Ensanche en Conserva_1ºIniciación_Capitulo 1: os precedentes
Ensanche en Conserva_1ºIniciación_Capitulo 2: o encontro de duas sociedades nunha lata de sardiñas
Ensanche en Conserva_1ºIniciación_Capitulo 4: O Faro de Vigo
As rutas turísticas “Ensanche en Conserva”
Este relato forma parte dunhas rutas turísticas denominadas “Ensanche en Conserva”, que organiza Estudio04, e que periodicamente sae a rúa para explicalo da mellor forma que se pode facer, pateando a cidade.
Xa contamos con 3 rutas diferenciadas e que pretenden explicar e ordenar toda a información:
1º “El Ensanche de Vigo en Conserva: iniciación”
2º “El Ensanche de Vigo en Conserva: infraestruturas”
3º “El Ensanche de Vigo en Conserva: estilos arquitectónicos”
E dúas mais en proceso:
4º “El Ensanche de Vigo en Conserva: a industria”
5º “El Ensanche de Vigo en Conserva: natureza”
Se queredes organizar unha ruta, facer un comentario á publicación ou calquera outra cousa solo tedes que poñervos en contacto, deixámosvos a ligazón de seguido:
E permanecede atentos a próximas actualizacións porque seguiremos a contar esta apaixoante historia…
Share your thoughts
No Comments