A historia da cidade de Vigo: Os emblemas (Faro de Vigo).

A historia da cidade de Vigo: Os emblemas

 “Ensanche en Conserva: 1_Iniciación” Cap. 4º:O Faro de Vigo

 

Nas próximas actualizacións da historia da cidade de Vigo analizaremos o legado inmaterial deixado pola burguesía e que identifica a cidade.

Os elementos que os cidadáns reclaman para salientar a importancia do seu berce, os seus emblemas, son unha herdanza deixada pola sociedade conserveira. A excepcional calidade deste patrimonio inmaterial fala por si solo do nivel acadado na época. A importancia angular das súas xentes, protagonistas principais da historia da cidade de Vigo, queda clara solo coa súa enumeración:

O diario decano da prensa nacional: O Faro de Vigo

Unha das sociedades deportivas mais antigas de España: O Celta de Vigo.

Visitas únicas no estado de personaxes ilustres: Julio Verne

O excelso legado que os burgueses legaron sobreviviunos. Hoxe en día as xeracións contemporáneas o reclaman como signo identitario. Este feito deixa claro, sen lugar a dúbidas, a órixe da nosa cidade.

 

O diario emblema da historia da cidade: O Faro

historia da cidade de Vigo

Coido que nunca reflexionamos abondo sobre a importancia de posuír o diario decano da prensa nacional. Na metade do século XIX, nun estado como España con grandes urbes de ámbito europeo, vai ser unha pequena vila periférica de provincias onde apareza o xornal decano do estado. Este feito, singular pola súa precocidade e lugar, califica os protagonistas da nosa historia “Ensanche en Conserva” como persoas ilustradas, ávidas de información e comunicación,  e cun nivel cultural moi elevado.

 

Contextualización xornalística de mediados do século XIX

Durante o século XIX vai levarse a cabo en Vigo un auxe no eido da edición de escritos literarios, edición de xornais así como a aparición de imprentas que van sustentar toda esta produción. Se comparamos a cantidade de xornais que viron a luz na segunda metade do século XIX (un total de 55 xornais segundo o que nos conta Cabanelas no seu libro sobre o cable inglés) ca poboación total (o censo de 1897 do Instituto Nacional de Estatística da a cifra de, mais ou menos, dezaseis mil habitantes) podémonos facer unha idea da cantidade de ideas que bulían na cidade. Toda esta produción xornalística é abraiante se temos en conta que hoxe en día  pódense contar cos dedos dunha man a cantidade total deste tipo de publicacións.

 

O fundador: Ángel de Lema y Marina

historia da cidade de Vigo

A mediados do século XIX nacen dúas imprentas que van ter unha tremenda repercusión na historia da cidade de Vigo: a imprenta de don Ángel de Lema y Marina e a de don Juan Compañel Rivas.
A figura de don Ángel de Lema y Marina é sobradamente coñecida.  Na súa imprenta nace o que é hoxe o diario decano da prensa nacional, como ben versa na súa portada, o Faro de Vigo. A labor deste impresor comeza uns anos antes ca edición dunha serie de tratados e de informes pero é a edición deste xornal o que catapulta a figura deste empresario como un dos mais senlleiros da historia da cidade.

 

1ª Sede do Faro de Vigo no Casco Vello

historia da cidade de Vigo Nace o Faro de Vigo (subtitulado como Periodico mercantil, agrícola e industrial) o 3 de novembro de 1853, cunha liña editorial de marcado corte conservador e claramente situado a favor da figura política de don José Elduayen, por aquel entón deputado electo representante da cidade de Vigo. A idea principal do xornal era a defensa dos intereses xerais de Galicia, en xeral, e de Vigo en particular. Os anos iniciais da publicación veñen marcados polo exercicio dunha presión co fin de mobilizar e de facer actuar as autoridades competentes có obxecto de superar o illamento no que se atopaba o sur de Galicia.

A súa edición levábase a cabo no taller tipográfico do sr. Lema na rúa Oliva e o papel era de procedencia local, xa que este elaborábase en Lavadores, na fábrica La Cristina (fábrica que utilizaba máquinas de vapor expresamente dispostas por Sanjurjo Badía para eses fins). Como ben di Álvarez Blázquez “todo un exemplo de autarquía industrial” (ALVAREZ BLAZQUEZ, 1979:502).

 

Traslado do xornal a nova sede na rúa Colón

historia da cidade de VigoNos seus primeiros anos de vida tiña o formato bisemanal, converténdose en trisemanal no ano 1875 pasando definitivamente a ser un xornal, propiamente dito, no ano 1879. Como xa dixéramos a súa liña editorial era de corte conservador, agás algún pequeno momento, e os principais temas a tratar nas súas seccións eran a economía, a política e a literatura (ALVAREZ BLAZQUEZ, 1979:500, 506).

Situación actual da sede do Faro de Vigo en Colón

historia da cidade de VigoLamentablemente a situación actual da sede do Faro de Vigo, un exemplo sobranceiro do característico eclecticismo vigués, dista moito de ser a da imaxe superior. A realidade é a que podemos observar na imaxe precedente.

Triste realidade que engadir a todas as recollidas en libros tan recoñecidos como “Vigo. La ciudad que se perdió”  do noso querido e desaparecido Jaime Garrido que tanto loitou polo patrimonio vigués.

Sirvan estas liñas para recuperar a súa loita en prol da nosa memoria, en favor da incoación do Ensanche como B.I.C. como única forma non so de deter, se non de invertir, este lento pero continuo proceso de perda .

De nada sirve chorar polo perdido porque debemos loitar polo que queda, que aínda é moito, da peza urbana mais importante e de maior calidade do noso maltreito patrimonio.

Agradecer a Jorge Hortas, da cooperativa Qiteria, o seu escrupuloso traballo na realización do documento para incoación do B.I.C. e que forma parte desta actualización.

 

Deixámosvos os capítulos anteriores para que poidades ler a historia completa da historia da cidade de Vigo:

Prologo da Historia da cidade de Vigo: Ensanche en conserva.

Ensanche en Conserva_1ºIniciación_Capitulo 1: os precedentes

Ensanche en Conserva_1ºIniciación_Capitulo 2: o encontro de duas sociedades nunha lata de sardiñas

Ensanche en Conserva_1ºIniciación_Capitulo 3: ¿Por qué a industria conserveira de Vigo reuniu todo o sector europeo na cidade?

As rutas turísticas “Ensanche en Conserva”

Este relato forma parte dunhas rutas turísticas denominadas “Ensanche en Conserva”, que organiza Estudio04, e que periodicamente sae a rúa para explicalo da mellor forma que se pode facer, pateando a cidade.

Xa contamos con 5 rutas diferenciadas e que pretenden explicar e ordenar toda a información sobre a historia da cidade de Vigo:

1º “El Ensanche de Vigo en Conserva: iniciación”

2º “El Ensanche de Vigo en Conserva: a industria” (en proceso)

3º “El Ensanche de Vigo en Conserva: infraestruturas”

4º “El Ensanche de Vigo en Conserva: estilos arquitectónicos”

5º “El Ensanche de Vigo en Conserva: natureza” (en proceso)

Se queredes organizar unha ruta, facer un comentario á publicación ou calquera outra cousa solo tedes que poñervos en contacto, deixámosvos a ligazón de seguido:

Contacto Estudio04

E permanecede atentos a próximas actualizacións porque seguiremos a contar esta apaixoante historia…

 

Share your thoughts

No Comments

Leave a Comment:

*

})(jQuery)